Thursday 02 de May de 2024

Galicia acadou neste ano a cifra de viaxeiros máis elevada no mes de xaneiro dos últimos sete anos


A Comunidade rexistrou un crecemento no seu volume de viaxeiros do 9,5% superando os 147.000

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de xaneiro Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros galegos do 9,5% ata situarse nos 147.055.

A nosa comunidade incrementou tamén as pernoitas rexistradas no primeiro mes do ano nun 6,5% neste caso ata acadar máis de 260.000 neste período.

É o segundo ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira acadando neste ano as cifras máis elevadas dos últimos sete anos no que se refire aos viaxeiros e dos últimos cinco anos en canto ás pernoitas.

A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas –incrementáronse nun 10,2% e nun 8,2% respectivamente-.

En termos de mercado obsérvase un comportamento homoxéneo dos tres grandes segmentos, superando todos eles os niveis de xaneiro de 2015.

O turismo interno –aquel representado polos residentes en Galicia- superou nun 1,3% as súas pernoitas e nun 4.0% a súa cifra de viaxeiros aloxados.

Pola súa parte, o turismo nacional –aquel conformado polo españois procedentes doutras comunidades autónomas- incrementou no pasado mes de xaneiro a súa cifra de viaxeiros nun 18,6% e as súas pernoitas nun 13,0% acadando os niveis de demanda máis altos dos últimos seis anos.

En canto ao turismo internacional, a nosa comunidade incrementou neste primeiro mes do ano nun 1,9% os seus viaxeiros e nun 3,4% as súas pernoitas.

A nivel territorial obsérvase tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira en todas as provincias galegas. En A Coruña e Pontevedra subiu a demanda en torno ao 5% -un 5,6% na primeira e un 4,9% na segunda- mentres que en Lugo e Ourense a demanda subiu un 9,4% e un 12,3% respectivamente.

A ocupación hoteleira tamén mellorou no pasado mes de xaneiro en 1,6 puntos porcentuais acadando a cifra máis elevada nos últimos sete anos

Así mesmo, Galicia incrementou as súas tarifas hoteleiras no primeiro mes do ano, nun 2,3%, o que levou a unha suba dos niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período de 2015 incrementándose o RevPAR nun 13,9%.